Vexetación


Vexetación potencial e vexetación real

A fitoxeografía e unha parte da Botánica que estudia a vexetación potencial que debería haber nun lugar determinado se non houbera intervención humana. Así os botánicos clasifican a vexetación do planeta en Reinos , Rexións e Provincias atendendo a xeografía, latitude, solo e o clima.

Cesures pertence ao Reino Holártico (América do Norte e Europa) , Rexión Eurosiberiana (Europa Atlántica e Central), Subprovincia Cantabro atlántica (Cantábrico, Galicia litoral e Norte atlántico de Portugal), Sector Galaico portugués (Galicia litoral e Norte atlántico portugués), e Subsector Rías Baixas (Zonas costeiras desde o Tambre ata o Miño).


En potencia, Pontecesures debería ter nos montes carballeiras, sobreiras e loureiros, pois o clima é hiperoceánico e templado, e nas ribeiras dos ríos deberían aparecer ameneiros, salgueiros e freixos. Se esto non é así, é porque todo o subsector Rías Baixas foi profundamente alterado polo home ao longo dos séculos, e os terreos virxes case non existen.

O monte de Salgueira-Lagoa, que ocupa máis da metade da superficie do concello, está poboado fundamentalmente por Piñeiros marítimos (Pinus pinaster, con dúas acículas longas), piñeiros de Monterrey (Pinus radiata ,con tres acículas) e Eucaliptos, todas especies pirófitas e alleas ao noso territorio, que foron plantadas dende os anos 50 para abastecer as factorias de chapa e celulosa. Antes, o monte foi, durante séculos,  un mato de toxo que se apañaba para facer o esterco que demandaban os cultivos das terras da parte baixa. Se había algunha árbore, eran pequenos bosquetes de piñeiro marítimo
Piñeiro marítimo (Pinus pinaster)
mesturados con carballos e sobreiras. Esta práctica das rozas implicaba que para manter unha hectárea de cultivos se precisaba de case dúas hectáreas de monte a toxo. No voo americano A, de 1945, ponse de manifesto esta dicotomía monte-terras de labor, e vese como o Monte da Salgueira-Grobas  era un mato despoboado de árbores. A principios do século XX  introducíronse os abonos químicos (superfostatos, producidos pola factoría Zeltia do Porriño) e durante todo o século  o sector agrícola perde case o 60 da súa poboación por mor da emigración. O monte, sen xente  e sen gando, deixa de cumplir a súa parte no ciclo agrícola e queda abandonado para a que as árbores ocupen o seu territorio.

O Piñeiro marítimo, o primeiro que ocupou este baleiro, era unha especie cunha gran tradición forestal en toda a marxe costeira galega e elemento icónico da paisaxe en moitos cadros dos pintores de principios do século XX ( Castelao, Ovidio Murguía etc). Esta representación de ícono   da paisaxe sentimental de moitos galegos chega a súa cúspide cando se adopta oficialmente en 1986 o poema  "Os pinos" ,de Eduardo Pondal, como letra do Himno Galego .
O neno das piñas (Castelao, 1926).  Museo de Pontevedra
 O piñeiro marítimo chegou no século XVII a Galicia desde o norte de Portugal, donde é autóctono, e  espallóuse por toda a marxe costeira galega . A súa madeira era moi demandada na construción e na fabricación de mobles, apañábanse as piñas para prender  lume nas casas e os montes de piñeiros estaban moi coidados porque valían cartos.
Máis adiante entraron dúas especies: O piñeiro de Monterrey (Pinus radiata), de orixe mexicano e o eucalipto, (australiano) . Son espécies robustas e de crecemento rápido, xusto o que demandaba a nova factoría de celulosa que se acababa de instalar en Pontevedra e que case se instala en Cesures. Co tempo o monte  encheuse destas especies, e gracias aos incendios e ao seu rápido crecemento, acabaron por facerse co territorio.
Piñeiro de Monterrey, Pinus radiata
Pero estas árbores non chegaron solas. Dúas compañeiras máis, tamén australianas, con gran carencia polos solos queimados e remexidos, apareceron favorecidas pola construción de novas vías de comunicación. Eran a mimosa (Acacia dealbata) e a Acacia negra (Acacia melanoxylon). As dúas especies, que soen aparecer xuntas, forman manchas mestas en todo o percorrido da autopista entre Cesures e Valga, na zona do Galiñeiro e no monte comunal de Grobas.
Acacia negra, (Acacia melanoxylon)

O que queda da vexetación autóctona no monte da Salgueira-Grobas-Chan da Lagoa, é algunha pequena sobreira illada e pequenas formacións de carballos novos e salgueiros nas beiras dos regatos que baixan do monte. Como arbustos acompañantes aparecen toxos (Ulex europaeus e U. minor), xestas (Cytisus scoparius) e codesos (Adenocarpus complicatus), e nas zonas onde o solo é mais escaso  queirugas (Erica umbellata e E.cinerea) e Genista triacanthos.

Nas terras de pouca pendente, e debido ao aproveitamento agrícola intensivo e a alta densidade de poboación, case non hai restos de vexetación autóctona, salvo algún exemplar rexo de sobreira  en Grobas, ou  a sobreira de Cortinallas en Infesta, con maís de 1,4 m de diámetro de tronco e máis de 100 anos de idade. Espallados por toda a parte baixa,  pero máis presentes fundamentelmente na zona de Infesta e o Castro, aparecen pequenas masas mixtas de piñeiro marítimo , carballos, castiñeiros e algún freixo e ameneiro vinculados a zonas húmidas do monte de Grobas. Moitas destas pequenas masas aparecen xa na foto do voo americano A, de 1945. 

Robinia pseudoacacia

Nas zonas máis húmidas da parte baixa, ademáis de salgueiros e vimbios (Salix atrocinerea e S. viminalis respectivamente) aparece a Robinia pseudoacacia, máis coñecida como “roblina”. Esta especie norteamericana é moi agresiva, colonizando as beiras dos ríos e regatos sen deixar medrar a outras espécies. Está moi presente en todas as beiras do Sar e na parte final do Ulla, sendo practicamente a árbore que domina a ribeira. É moi frecuente no rego que baixa de Grobas, no regato que baixa do Galiñeiro, nos lavadoiros de Infesta e Carreiras , na zona que rodea as hortas das Vías en San Xulián, e mesmo a carón da biblioteca municipal .

Fontes:
  • Manuel A. Rodríguez Guitián · Pablo Ramil-Rego Fitogeografía de Galicia (NW Ibérico): análisis histórico y nueva propuesta corológica. Recursos Rurais (2008) Vol1 nº 4 : 19-50 (2008) 
  • Silva Pando. Guía das árbores e bosques de Galicia. Ed. Galaxia, 1992.
  • Valcárcel Díaz, M., Pérez Alberti, A., e outros (1993).As Paisaxes do Camiño Francés en Galicia. Consellería de Relacións Institucionais e Portavoz do Goberno. Xunta de Galicia.
  • L. Guitián Rivera (2002). La destrucción  histórica del bosque en Galicia. Semata Nº 13. Universidade de Santiago de Compostela.
  • Revista ImágenesRepoblación forestal, 1954. Reportaxe sobre as labouras desenvolvidas polo Centro de Investigacións forestais de Lourizán (Pontevedra), daquela centro de referencia do Patrimonio Forestal do Estado, sobre a introdución e plantación de especies como o eucalipto, o piñeiro de Monterrey e acacias, na provincia de Pontevedra. Impagable  documento, con entrañables frases de corte machista, que nos da unha  idea  do que era a sociedade e a política forestal nos anos 50. 

Árbores ornamentais

Froito do traballo desenvolvido polos alumnos de 2º da ESO dentro da asignatura Paisaxe e Sustentabilidade nos dous últimos anos, presentamos o mapa dinámico de árbores ornamentais.

Un proxecto longo e aínda sen rematar que pretende clasificar e xeorreferenciar tódalas árbores ornamentais do Concello. Levamos xa dous anos fotografando, clasificando e ordenando as árbores que hai ao redor do Centro. 
O mapa está dividido en 3 categorías: Coníferas, Anxiospermas monocotiledóneas e Anxiospermas dicotiledóneas.
 Este ano prestámoslle moita atención á chegada do Picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus). Un escaravello asiático que mata ás palmeiras  ao alimentarense, as súas larvas, dos meristemos apicais. Empeza matando ás follas novas, para despois seguir co resto, a medida que vai progresando do centro cara os bordos. Unha vez que acaba de comelas, as larvas forma casullos, onde sofren a metamorfose, para posteriormente sair como adulto voador en busca de novas vítimas. Os adultos teñen unha capacidade de voo de entre 2-3 km.
  O picudo afecta en primeiro lugar ás palmeiras macho, que se distinguen por non posuir as ramas laranxas cos froitos (ver foto inferior). Máis adiante, cando acaba cos machos, empeza a atacar as femias. No mapa hai enlaces que falan da problemática da plaga e se sinalan qué palmeiras  foron xa afectadas, as que foron taladas e  as que teñen máis probabilidade de seren afectadas.


Palmeiras femia, primeiro plano, e macho afectado atrás. Xardíns da piscina municipal.
Bugallas da avespa dos castiñeiros (O Gorgullo, Fenteira, Cesures)
Asemade, constátase, a chegada tamén neste curso 2018-19 da avespa chinesa dos castiñeiros  (Dryocosmus kuriphillus), que afecta ao crecemento das follas novas dos castiñeiros producíndolle  bugallas. O parásito non mata á árbore, pero limita o seu crecemento.
 Rexistramos  a súa presenza no concello neste curso na zona de A Fenteira- Grobas e  practicamente en todos os exemplares de castiñeiro da parte baixa do concello.
A praga chegou a Cataluña, procedente de Italia, no ano 2012, e a Galicia no 2014, afectando xa no 2017 aos castiñeiros de Lugo e Ourense. No 2018 aparece  distribuída  practicamente por toda Galicia.
Europa obligou a España a combater a plaga, liberando  a avespa  Torymus sinensis, tamén chinesa,  que é o seu parasitoide natural. O Torymus pon os ovos nas larvas que están dentro das bugallas de Dryocosmus kuriphillus limitando a súa expansión. En Italia redúxose a expansión da avespa case na súa totalidade  coa introdución deste parasitoide.


A Xunta de Galicia realiza soltas deste parasitoide desde o ano 2015, e ten proxectado realizar soltas masivas por toda Galicia na primavera deste ano.

Fontes.














Publicacións populares deste blog

Introdución