Xeoloxía


O conxunto da paisaxe de Cesures e os distintos elementos que a configuran veñen dados, en primeira instancia, pola xeoloxía e polos procesos tectónicos (constructores do relevo) que tiveron lugar ao longo da súa historia. A xeoloxía condicióna a dureza dos materiais, e os movementos tectónicos condicionan as formas do relevo. O xogo conxunto de xeoloxía e tectónica determinan as pendentes, a profundidade dos solos, a distribución dos núcleos e a súa tipoloxía, a distribución das terras de labor e de monte, as vías de comunicación, o risco de inundacións, a economía e incluso a toponimia.

Os materiais xeolóxicos.  (mapa xeolóxico Magna 1:50.000 Padrón)




Granitoide migmatítico (rosa) 


A maior parte do territorio do concello está ocupado por granitoides migmatíticos orixinados hai 300 millóns de anos  cando colisionaron Laurasia e Gondwana para formar Panxea.

Mineraloxía
 É un granito pouco homoxéneo, moi variable en tanto a tamaño do gran e mineraloxía, con cantidades variables de micas (moscovita e biotita), feldespatos (albita e ortosa) e seixo.


Formación
 Estos granitos eran orixinalmente as raíces dunha gran cordilleira que se formou como resultado do choque de placas que dou lugar a Panxea durante a oroxenia Hercínica. Posteriormente esta cadea foi desmantelada ao longo da era secundaria, e os granitos formados inicialmente a varios km de profundidade, emerxeron como a base dun iceberg. A alineación Norte- Sur destos granitos representa a alineación da propia cordilleira inicial.
Representan o basamento de todo o Concello, sólo aparecen "tapados" polos materiais aluviais e terciarios nas partes baixas do concello, e intrúen no ortoneis glandular e nos xistos. Con eles se construíron as edificacións tradicionais da vila, pois daquela aínda estaban activas  as canteiras de Catoira, no monte Meda en Padrón, e dúas pequenas canteiras nas Minas de Dieguez (Carreiras) e na Toxa (Infesta).




Ortoneis glandular (cor azul-violeta)


Aparece nas cimas do Galiñeiro, Chan da Lagoa e no Monte de Grobas, ben delimitado co granitoide migmatítico pola falla que en liña recta atravesa dende o codo do Ulla ata Trasande (A Estrada).

Mineraloxía:

Os grandes ollos de feldespato de tamaños entre 1 e 8 cm (microclinas e albitas), son moi aparentes nas rochas que coroan os montes de Chan da Lagoa. Os feldespatos,que as veces están maclados, apararecen  rodeados por micas negras (biotitas). O seu orixe é anterior ao dos granitoides, e estímase que ten unha idade de  477 millóns de anos, cando un choque de placas dou lugar á oroxenia Caledoniana.
Aínda que non ten a importancia dos granitoides como pedra de construción, case a totalidade dos muros dos montes de Grobas e das zonas altas de Cesures, están construídos con esta rocha.


Xistos e paraneises (verde oscuro)




















Son  xistos micáceos con textura lepidoblástica,.rochas metamórficas con exfoliación acusada e un débil comportamento respecto a alteración e erosión. Cobren grandes extensións na zona de Carcacía, e no concello limítrofe da Estrada, onde xeneran relevos suaves e solos profundos (ver mapa xeolóxico). En Cesures están moi pouco representadas, aparecendo de xeito aillado en Condide e  formando equenos lentellóns embutidos nos granitoides e nos ortoneises do monte Galiñeiro e do monte de Grobas,. O exemplo da foto procede dun muro da zona de Condide.
 Son as rochas máis vellas do mapa, de idade probablemente Precámbrica- Silúrica (800-450  millóns de anos). Nós non atopamos a mancha de xistos que reflicte o mapa xeolóxico en Condide, probablemente esté tapada pola vexetación ou pola construción da estrada (recta de Condide).


Areas e gravas (materiais aluviais, Q2 Al, gris claro )

Encima do granito atopamos materiais aluviais ou aluvións que son o resultado do arrastre dos ríos e do transporte de torrentes dende as zonas altas ata as zonas baixas onde se depositan. Son materiais modernos , depositados nos últimos 2 millóns de anos, e se corresponden con depósitos de gravas e areas mesturados con arxilas . Cubren as zonas baixas e o marxe do Ulla agás na zona do monte de Porto, onde o granitoide aflora rodeado por materiais aluviais.

As areas e gravas foron explotadas intensamente durante todo o século XX como material de construcción. Eran extraídas coas chuponas, barcos de pesca reacondicionados para a extración de áridos, que succionaban o fondo do río extraendo areas e gravas que eran despois clasificadas na zona da Calera en Porto.

Eliminación das ínsuas na zona de Campaña e Dodro por extración de areas e gravas


Durante anos dragaron o fondo do río e chegaron a eliminar totalmente algunha das insuas do Ulla. A finais dos anos oitenta esta actividade entrou en conflito cos mariscadores de Carril, que relacionaban problemas de mortandade dos moluscos nos lombos do Ulla coa extracción de area. A administración da Xunta de Galicia doulle a razón aos mariscadores finalizando o conflito dos areeiros coa prohibición da extracción en 1987 (video tvg, enlaces prensa) .

Arxilas

Debaixo dos depósitos de areas e gravas aparecen depósitos de arxilas que foron formados
Foto dos anos 70 das Barreiras de Campaña.
Hoxe en día recuperado como lagoa
probablemente durante o Eoceno (50- 35 millóns de anos) pola alteración dos granitoides. Neste período o clima era tropical, favorecendo os procesos de meteorización dos feldespatos do granito e a súa transformación en arxilas. As arxilas non afloran no concello, pero existen evidencias da súa existencia polas explotacións de Campaña en Valga que durante anos extraeron arxilas a grande escala para a fabricación de tellas e ladrillos. Aínda quedan restos desta actividade na paisaxe como son as Barreiras de Campaña, hoxe en día convertidas en lagoas, e nas chemineas das fábricas anexas as explotacións onde se cocían os materiais. De ahí tamén veñen os topónimos e apelidos Telleira, Barreira e Barreiro tan comúns no concello veciño e tamén no noso como é o da Telleira en Porto onde se sabe que existíu un antigo forno de cocción.



Os procesos tectónicos.


A disposición dos materiais xeolóxicos e a forma actual do relevo non se poden entender sen coñecer a evolución tectónica sufrida ao longo da historia xeolóxica.
Orixinalmente teríamos unha cordilleira aliñada norte- sur formada durante o Carbonífero e que gracias ao seu arrasamento durante a era secundaria faría aflorar as raíces da cordilleira constituídas polos granitos de dúas micas. Estes materiais van sofrir unha serie de fracturas e movementos de bloques que son os responsables da disposición actual e das súas formas.

Temos que remontarnos ao Terciario (hai 50 millóns de anos) cando no norte da península (que daquela aínda non era península) prodúcese a apertura do golfo de Viscaia por mor dunha dorsal, e no oeste ábrese outra dorsal que separa a península de América do Norte. Este empuxe en dúas direccións somete a Galicia, e a toda a placa ibérica, a unha serie de tensións que se resolve enxendrando unha rede de fracturas, algunhas en liña ca antiga alineación dos granitos, e outras en dirección SW- NL e L-W.

Depresión meridiana (verde escuro)
Unha destas fracturas, a fractura meridiana (B no corte inferior), recorre Galicia desde Carballo ata Tui, e pasa polo centro do concello. Posteriormente, durante o Eoceno (hai 50-35 millóns de anos) comezan a producirse levantamentos e afundimentos dos bloques definidos pola rede de fracturas, nun principio polos movementos de comprensión, e despois, durante o Oligoceno e ata actualidade (30 millóns de anos), por movementos de distensión polo relaxamento das forzas. Como consecuencia de todo esto uns bloques afúndense, formando depresións polas que circulan ríos, como é o caso do Sar e do Ulla na súa desembocadura, e outros levántanse definindo serras ou montañas con ladeiras de pendentes acusadas, como sucede na marxe leste do concello ( ver esquema).

 Toda Galicia, e Cesures en particular, se entende polo xogo de subidas e baixadas de bloques, como se foran as teclas dun piano; as teclas levantadas son os bloques que forman os montes de Chan da Lagoa ao leste, Castro Valente ao Norleste , Meda e montes da Exclavitude ao Norte , Monte Treito ao Oeste, e monte Xiabre ao Sur; e a tecla afundida formaría a liña de vales planos encaixados na fractura meridiana que percorre Bastavales, Padrón , Cesures e Valga.

A fractura meridiana correspóndese coa letra B o A sería o bloque Barbanza-Treito e o C a bloque da Dorsal Galega

Nalgunhas zonas o levantamento é sincrónico ao proceso de erosión fluvial, facendo que o Ulla realice intensos procesos de erosión en materiais duros a medida que os bloques se levantan dando lugar á formación de canóns practicamente na desembocadura, como sucede en Carcacía (Padrón) onde o Ulla secciona o bloque entre Castro Valente e Monte Meda . Nas zonas deprimidas definidas pola fractura meridiana, os ríos vagan pasaniñamente deixando amplas chairas de inundación onde se depositan os aluvións e aparecen as terras de cultivo e os núcleos de poboación principais (Bertamiráns, Padrón, Cesures, Valga, Dodro e máis abaixo Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela, Porriño e Tui).



A xeomorfoloxía e a Toponimia


Os orónimos ( do grego oros= montaña), son topónimos que designan accidentes do relevo. No concello de Cesures existen orónimos vinculados directamente co xogo de escalóns que se produce entre bloques levantados e afundidos e a posición relativa dun con respecto a outros.

 
Padrón e alrededores 1751
O orónimo Pontecesures, que algúns relacionaban cun pasado romano (Pons Caesaris, a ponte do César, e que así aparece reflectido no primeiro escudo do Concello), parecería ser mais ben un orónimo relativo ao termino latino caedere “cortar”, e faría referencia á cortadura, costa ou desnivel do terreo no que se asenta a parte máis vella da vila. Según o libro “Os nomes de lugar en Pontecesures” editado polo Concello de Pontecesures, o nome actual de Pontecesures sería recente, e adoitaríase no ano 1926 para evitar confusións no servicio postal co concello coruñés de Cesuras, hoxe en día Oza-Cesuras .
No arquivo de Simancas existe un primitivo mapa de Padrón e alrededores  do ano 1751, no que enriba da Ponte romana sobre o Ulla aparece o nome de PonteZesures.

Construíndo a ponte sobre o tren ,1960
Requeixo (San Xulían de Requeixo) teria unha orixe similar, pero neste caso é aínda unha palabra viva que aparece nos diccionarios co significado de terreo en costa para entrar nunha chaira. Xeomorfolóxicamente equivaldría a un escalón no terreo. Existen outros requeixos espallados pola xeografía galega que responden ao mesmo tipo de morfoloxía. A situación do lugar de San Xulián de Requeixo encaixa perfectamente nesta tipoloxía, aínda que o desnivel do escalón foi suavizado cando se construíu en 1963 a novo trazado da estrada N-550 que se levanta sobre o terreo para salvar cunha ponte a vía do tren.

Infesta. Significa lugar elevado, do latín infestus, de in+ fastus (alto). Infesta está situado na parte de arriba do escalón que une o fondo do pobo coas terras de monte de maior pendente. A suavidade das pendentes na cima deste escalón fixo que fose unha zona facilmente cultivable e segura de inundacións . E o lugar onde se sitúa o CPI de Pontecesures e un dos miradoiros máis míticos, o miradoiro do Pino manso.

Grobas. Significa barranco , cavorco ou cauce escarpado producido polas augas dun río. O lugar de Grobas levantado no medio dunha chaira suave é atravesado na parte baixa polo Rego dos Condes formando un pequeno barranco de certa pendente.


Fontes:


Memoria asociada a la serie Magna (120- Padrón) Mapa geológico de España 1:50.000

Plano en perspectiva de Padrón y sus alrededores con indicación, entre otros, de Puente Cesures y el río Ulla (1751). Archivo General de Simancas.

Memoria de Pontecesures: Galería de fotos vellas de Cesures ordenadas por categorías.

Os nomes de lugar en Pontecesures. Begoña Campaña Potel. Publicacións do Concello de Pontecesures

Publicacións populares deste blog

Introdución