Monte e Incendios



Segun as estatisticas do Ministerio de Agricultura durante o decenio 2001-2010 houbo no concello 32 incendios. Durante os primeiros 5 anos do decenio arderon en distintos lumes un total 270 hectáreas de monte, sendo o de maior relevancia o de 2005 con 160 ha queimadas.
10 de agosto de 2006 (Nasa)
Nos primeiros quince días de agosto do ano 2006 unha onda incendiaria asola Galicia e o Norte de Portugal. Según a Consellería de Medio Rural, do 4 ao 15 de agosto arderon en Galicia 70.000 ha, 38.500 na provincia de Pontevedra.
No medio desta voráxine pirómana, visible desde o espacio (foto satélite da Nasa), un gran incendio que empezara o día 8 en Teo, avanzou avivado polos fortes ventos do Nordés, e chegou a Cesures o día 9 arrasando a totalidade da superficie forestal do concello. Nun sólo día queimáronse en Pontecesures 447 Ha de monte arborado e 29 de non arborado, o 62 % da superficie municipal. A partires de aquí os lumes practicamente desaparecen, producíndose no 2016 algún pequeno foco nun eucaliptal na zona comunal de Grobas- Fenteira (2 ha).
Montes de Salgueiras e Chan da Lagoa antes e despois do incendio de 2006

As fotos previas e posteriores ao incendio (PNOA 1, 2, 3) amosan a extensión da devastación do monte municipal de Salgueira-Lagoa. A rocha núa aflora en practicamente a totalidade do monte . A capa superior do solo, o horizonte A úmbrico, desaparece arrastrado polas intensas chuvias que se produciron nos meses posteriores ao incendio. A función protectora da vexetación con respecto a regulación dos fluxos de auga pérdese, favorecendo fenómenos erosivos que degradan as pistas forestais e reducen o mantemento de caudais regulares nos mananciais. Como consecuencia desto, vese mermada a disponibilidade de auga para o consumo municipal procedente das minas que baixan do monte Salgueira. Nos últimos anos, e acelerado pola escasez de chuvias, o Concello ten que recurrir a comprar unha maior cantidade de auga á Padrón (procedente da depuradora de Herbón- Carcacía), cando antes sólo se recurría a eles de forma esporádica.

Os solos que no mapa do SIAM aparecen como umbrisoles epilépticos e endolépticos (con 25 a 100 cm de horizonte A úmbrico), pasan a ser como consecuencia do lume, leptosoles líticos úmbricos (10 cm de horizonte A úmbrico), facéndoos menos favorables para o desenvolvemento de cultivos forestais.

Durante os anos 2008 a 2010 a Xunta levou a cabo traballos de corta e ordenación do monte, que despois dos incendios estaban inzados de pequenos piñeiros e eucaliptos recén xerminados. Na foto 3 (PNOA 2014) apréciase a ordenación en ringleiras da nova vexetación. Hoxe piñeiros e eucaliptos medran rexos englobados nun mato máis ou menos denso de uces, xestas e toxos. Outro tipo de especies, tamén pirófitas, como as Acacias negras (Acacia melanoxylon) e as Mimosas (Acacia dealbata) se extenderon como consecuencia dos lumes recurrentes, formando manchas densas como as que aparecen no marxe de 2 km que bordea os taludes da autopista, no antiguo basureiro do Galiñeiro ou nos bordos do antigo camiño que une Grobas con San Xulián e que marca o límite norte do concello.

Dende aquí queremos animar ao Concello a tomar medidas que compaxinen no tempo a explotación forestal sostible a biodiversidade e o lecer, nun monte de propiedade municipal como o de Salgueira-Chan da Lagoa. Non pode ser que a 15 anos da catástrofe, e nun contexto aínda máis claro de cambio climático, sigamos igual, xogando cos mesmos elementos que propiciaron a súa rápida devastación.



Publicacións populares deste blog

Introdución