Solos
A xeoloxía e as formas do relevo condicionan tamén os tipos de solos que aparecen no noso concello, podendo distinguir dúas zonas: unha zona granítica (de cor rosa no mapa de solos) , de maior pendente, que se corresponde coa totalidade da superficie forestal, parte dos asentamentos a media ladeira de San Xulián, Carreiras, Condide e o monte de Porto, e unha zona sobre materiais aluviais, restrinxida ás zonas baixas, onde os solos desenvólvense sobre materiais soltos que foron arrastrados e depositados polas correntes de auga (cores amarelos e pardos).
Solos sobre materiais graníticos
Os solos máis frecuentes son os umbrisoles. O termo umbrisol ven do vocablo latino "umbra" que significa "sombra", facendo alusión á cor escura do seu horizonte superficial. É un tipo de solo característico de climas fríos e húmidos e con escaso déficit de humidade. Desenvólvense principalmente sobre rocas silíceas como os granitos. Caracterízase por ter un horizonte superficial A groso, escuro, ácido e moi rico en materia orgánica. O perfil é de tipo AC.Dependendo da pendente e das prácticas de labradío que recibiron ao longo da súa historia, poden ter un horizonte A de distinta potencia polo que reciben distintos apelidos:
Nas zonas de monte con certa pendente desenvólvense Umbrisoles lépticos (leptos=delgado) que dependendo da potencia de A serán U. endolépticos ( nº 12) (entre 50 e 100 cm de potencia) ou U. epilépticos (nº 11) , máis delgados, cun horizonte A menor de 50 cm. Por mor dos incendios dos últimos anos algún destes solos quedaron núos ou diminuiron a potencia do horizonte A ata sólo 10 cm, polo que deberían catalogarse como leptosoles líticos (nº 10). Teñen predominantemente un uso forestal aparecendo nos montes de Salgueira-Lagoa e nos montes que rodean a Grobas.
Agras aterrazadas en Fenteira sobre Umbrisoles ántricos |
Solos sobre materiais cuaternarios:
Ocupando a inmensa maioría das zonas baixas, aparecen de novo os Umbrisoles ántricos(nº 63) , con horizontes A de gran potencia e de forte vocación agrícola en épocas pasadas. Ocupan as zonas de Redondo, Portarraxoi, e a parte máis pegada ao río no meandro de Cortiñas. As veces nas zonas onde o nivel freático é mais alto poden aparecer Fluvisoles úmbricos (nº 63). O termo fluvisol deriva do vocablo latino "fluvius" que significa río, facendo alusión a que estos solos están desenvolvidos sobre depósitos aluviais de áreas periodicamente inundadas. É frecuente nestes solos que debido ao nivel freático elevado aparezan cores azuladas, sobre todo na parte baixa do perfil, debido a falta de oxíxeno.Nas zonas aínda máis baixas, e sobre depósitos máis finos e pouco consolidados resultantes das enchentas periódicas do Ulla, aparecen os Gleysoles úmbricos (nº 66). O termo gleysol deriva do vocablo ruso “gley” que significa masa lamacenta, facendo alusión a o seu exceso de humidade. Como o nivel freático aínda é máis alto que nos fluvisoles úmbricos, presentan cores azuladas a niveis superiores. Son solos que debido a o seu alto contido en arxila teñen problemas de drenaxe, polo que se destinan fundamentalmente a pastos. En Galicia o topónimo Lamas ou Braña estaría relacionado ca presencia destes solos. Aparecen formando un abano na desembocadura do río Valga en Campaña e forma parte das ribeiras do Ulla en parte do seu percorrido.
Carrizal amarelo nas brañas de Laíño e Campaña sobre fluvisoles sálicos e tiónicos, A Finsa á esquerda. |
En zonas da ribeira onde chegan diariamente as mareas, os solos poden ter horizontes con certo grado de salinidade no primeiro metro. Son os horizontes sálicos, que se aparecen sobre fluvisoles, dan lugar a Fluvisoles sálicos (nº 62). Estos se diferencian dos gleysoles en que se desenvolven sobre materiais máis grosos (areas e gravas) pero cun alto contido en en arxila. Forman as ínsuas que se explotaron ata os anos 80 para a extración de areas e gravas (ver parte de xeoloxía). O ambiente salino reduce o número de vexetais polo que sólo se desenvolven gramíneas e ciperáceas que soporten estas condicións. En xeral predomina a Carriza (Phragmites australis) de gran importancia biolóxica para a nidificación de aves, moi patente en Dodro, Valga e Catoira.
- Galipedia
- Catálogode suelos de Extremadura. Universidad de Extremadura Departamento de Biología yProducción de los Vegetales, área de Edafología y Química Agrícola.
- Mapade solos de Galicia: Padrón120.