Grobas e Fenteira


Relevo

Os núcleos de Grobas e  A Fenteira son singulares pola súa situación e vocación. Atópanse no extremo leste do concello, afastados  4,5 km  do centro da vila,  lonxe das comunicacións que vertebran a comarca e  allea a moitos dos equipamentos do municipio. A ruta de acceso é unha estreita pista  moi pina que se desvía cara a dereita na estrada PO- 214 (Pontecesures- A Estrada).



Os cambios producidos nos últimos 250 anos nos límites municipais, provinciais e na archidiócese, afectaron de xeito profundo ao territorio vital destes núcleos sempre máis vinculados aos núcleos próximos (Os Condes e Morono) que aos do actual concello. Aínda hoxe, os nenos de Grobas e A Fenteira son escolarizados cos de Os Condes e Morono no CIP de Pousada (Carcacía) nun concello e nunha provincia distinta a súa.


Grobas e  A Fenteira son tamén singulares por ter unha vocación  agraria  e forestal nun concello eminentemente urbano-rururbano, conservando aínda moitas das características propias dunha paisaxe acorde cos usos tradicionais e cun ordenamento de seu, pois son os únicos núcleos do concello no que os seus habitantes xestionan un  monte en man común, o monte de Grobas-Fenteira, de 106 Ha.

Os alumnos de 2º Traballando sobre o terreo
Todas estas peculiaridades tan interesantes foron a materia prima para un traballo de investigación que desenvolvimos durante o curso 2018-19 e 2020-21 cos alumnos/as de 1º ,2º e 4º da Eso nas asignatura de Bioloxía e de Paisaxe e Sustentabilidade. Durante estes anos traballamos a xeomorfoloxía, a xeoloxía, a vexetación e a súa evolución, a estructura das terras e a súa microtoponimia, o hábitat e a evolución da súa demografía.
En maio fixemos unha excursión conxunta cos alumnos de 4º da ESO para recompilar datos, e contrastalos con toda a información que previamente fóramos recollendo nas clases. O descoñecemento da zona por parte dos alumnos era casi total, e dos 29 alumnos/as de 2º e 4º da ESO que participaron na actividade, sólo unha visitara a zona con anterioridade.

 


Xeomorfoloxía

Grobas e A Fenteira atópanse nunha pequena bacía, a máis de 200 metros de altura,rodeada polos cumios do Monte dos Salgueiros ao sur, o monte Cima de Lato ao norleste e o monte da Graxiña a oeste  . O conxunto do relevo é semellante a un  anfiteatro que se abre ao norte, costa abaixo, por unha estreita groba que canaliza a auga que baixa polas valgadas e forma o Regato dos Condes. Grobas ten unha orientación Norleste e  A Fenteira Oeste, e están unidos por unha estrada duns 500 m que discorre polo centro da depresión. 
Nos perfís realizados , as pendentes marcan a disposición dos solos máis profundos e por tanto máis aptos para o cultivo. 
A orientación das ladeiras inflúe tamen na insolación que reciben.  Baseándonos nas taboas de Gandullo, J.M. do INIA (Instituto Nacional de Investigaciónes Agrarias) que supoñen un valor de 100 de insolación anual que recibe unha superficie horizontal,  A Fenteira, no norte-noroeste, recibiría unha insolación de 85 e Grobas no norleste de 89.  Comparándoas co núcleo de Infesta , que  ten unha insolación do 109, Grobas e A Fenteira terían case un 25 % menos de insolación anual.



 







EVOLUCIÓN DA PAISAXE AGRARIA E PARCELARIO 1945-2017

 

Xeoloxia


Como se pode apreciar no mapa xeolóxico, os materiais xeolóxicos que constitúen o relevo son  os granitoides  e os ortogneises. Estes últimos, máis antigos, contactan co granito nun plano neto e inclinado cara o sur uns 45 graos. Os dous son materiais duros e moi fracturados polas distintas fases tectónicas , o que posibilita a permeabilidade  da auga por fisuración, e a aparicion de fontes, illós e gorgullóns moi patentes na microtoponimia local. Ao seren as dúas rochas semellantes no seu comportamento, non existen diferencias  apreciables nas formas do relevo sobre un ou outro material. Con respecto ao uso dos materiais nas construcións locais, o granito é o elemento prioritario nas casas  vellas, pero para os muros, valados e socalcos úsanse indistintamente granito ou ortogneis. Non temos constancia de canteiras na zona.

Na zona coñecida como As Barreiras, existe un depósito de arxilas e xabre, froito da meteorización in situ dos ortogneises , e do que non hai constancia do seu  aproveitamento, a lo menos actualmente.


Publicacións populares deste blog

Introdución